Cerca de medio cento de mozos de ferrolterra inscritos na II Edición do certame «O Talentiño»

 

Unha vez pechadas as inscricións do certame O Talentiño, rexistrouse unha abrumadora participación de talentos mozos da comarca, con preto do medio cento de inscritos nas cinco categorías do evento. A calidade e diversidade das propostas presentadas prometen unha complexa deliberación para o xurado nos vindeiros días.

O certame, dirixido a mozos artistas de entre 12 e 18 anos, recibiu inscricións ata o 30 de abril, mediante o envío de vídeos que mostraban o talento e habilidades dos participantes.

Co obxectivo de promocionar e destacar aos mozos artistas da comarca, «O Talentiño» abarca cinco categorías de participación: vocalistas, instrumentistas, danza lírica, danza urbana e variedades, esta última inclúe disciplinas como maxia, monólogos, artes escénicas e performance, entre outras.

O xurado, composto pola recoñecida cantante eurovisiva Lucía Pérez, a profesora de música e bailarina ferrolá Eva Faraldo, o cantautor e compositor Xabier Vizcaíno, e o músico e presidente da Asociación de Acordeonistas de Canido, Joaquín Enríquez, terán a difícil tarefa de seleccionar aos mozos semifinalistas, que concursarán na gran final do certame.

A final do festival, conducida por Joaquín Enríquez e a xornalista ferrolá Rebeca Collado terá lugar o 11 de maio ás 19:00 no centro cultural Torrente Ballester, onde os gañadores de cada categoría serán premiados cun vale de 200 euros para gastar en comercios locais. Ademais, todos os participantes recibirán un diploma e agasallo, e aqueles seleccionados polo xurado formarán parte dun catálogo web de mozos artistas de Ferrol.

O evento do día 11 promete ser unha xornada chea de sorpresas e emocións para todos os participantes, con agasallos e premios especiais, así como a gravación dun vídeo con entrevistas aos mozos.